martes, 29 de enero de 2008

VALORACIÓN WEBS; Iria Dacoba García


iMarginate

Contido: é orixinal, e aínda que poida parecer algo raro resulta divertido; é diferente. Está moi traballado.

Estrutura: As seccións están ben divididas, e inclúen diferentes apartados dentro das mesmas.

Navegación: está moi ben que teñas sempre á man o menú dende o que poder acceder as diferentes seccións. O problema é que os botóns da páxina de inicio, o menú, os submenús, e o menú dos extras poden confundir ao visitante.

Cores: quizais haxa demasiadas cores, pero na miña opinión, neste caso (tendo en conta o contido da páxina) non están de máis, xa que contribúen a crear una imaxe da páxina que queda na mente dos usuarios.

Tipografía: é o que menos me gusta. Resúltame demasiado grande e cambia nalgunhas seccións.

Aspectos positivos: como dixen antes, é unha páxina moi orixinal, diferente, e polo tanto fai amena a navegación. Curráronse moito os debuxos, as animaciós, os fondos, a inclusión de vídeos, links...dentro da súa temática é unha páxina moi variada.

Aspectos negativos: Algunhas imaxes vense un pouco pixeladas, e nalgunha das seccións móntanse sobre o texto. Como dixen antes, a tipografía e os diferentes menús.

Nota:8.5

THE SICK ROOM

Contido: aínda que non sexa do meu gusto, teño que recoñecer que é tamén unha das máis orixinais, sobre todo pola inclusión de numerosos vídeos.

Estrutura: acorde aos contidos.

Navegación: No que é a “tortura” en si, non resulta complicado seguir cada paso xa que aparece todo ben explicado.

Cores e tipografía: ambos moi acordes coa temática da páxina.

Aspectos positivos: relaciónase facilmente a imaxe da páxina coa temática da mesma (importante en Internet). Os botóns están moi currados (e os vídeos, evidentemente). O inicio é impactante.

Aspectos negativos: que depende case exclusivamente dos vídeos, e pequenos erros (como que non apareza un dos suxeitos).

Nota: 8

UNIVERSO SAP

Contido: O certo é que non o entendo moi ben...bótase en falta unha introdución explicatoria do que é o “Universo Sap”.

Estrutura: en relación co contido penso que esta bastante ben estruturada. Cada un dos compoñentes ten a súa propia páxina dentro do “universo sap” e, en cada unha delas, diferentes seccións.

Navegación: é boa, xa que nos diferentes mundos hai opción de volver á páxina inicial ou aos outros mundos.

Cores: quizais haxa demasiados, pero son necesarios xa que a páxina depende dos debuxos.

Tipografía: é sinxela (o que ten que chamar a atención son os debuxos).

Aspectos positivos: os debuxos seguen unha mesma liña nos tres mundos e son bastante orixinais.

Aspectos negativos: que non se entende moi ben o contido e este varía bastante dun mundo a outro.

Nota: 7

OS FEITIZOS DA MEIGA

Contido: é interesante, xa que aborda un tema moi relacionado con Galicia (o das meigas, as lendas, os feitizos...), pero que á vez é moi descoñecido por nós mesmos.

Estrutura: ben estruturado nos diferentes menús e submenús.

Navegación: é cómoda xa que en cada pantalla hai opción de acceder directamente ao resto de contidos.

Cores: moi relacionados coas meigas, o lume, a noite...están ben escollidos.

Tipografía: é demasiado sinxela, sobre todo no que se refire á páxina de inicio. Eu faría botóns que tiveran unha imaxe máis acorde coa temática.

Aspectos positivos: é unha páxina sinxela, de fácil navegación e que conta cunha temática interesante.

Aspectos negativos: a tipografía non me acaba de convencer e o debuxo da páxina de inicio cambia de tamaño dependendo da resolución (na miña repítese dúas veces).

Nota: 7.5

DIVISIÓN PAQUITO

Contido: hai que dicir que o contido é arriscado, pero está ben resolto xa que garda unha liña moi marcada.

Estrutura: ben dividida en catro a apartados que conteñen unha pequena explicación sobre o que en cada un se trata.

Navegación: sinxela grazas a presenza constante do menú na parte inferior dereita.

Cores e tipografía: aínda que supoño que a intención era darlle unha imaxe algo “friki” á páxina, non me gustan demasiado. Son algo rechamantes.

Aspectos positivos: a intro está bastante currada, a inclusión de música e diferentes sons así como todos os vídeos que fixeron.

Aspectos negativos: que dependa dos vídeos (no meu caso tiven que esperar bastante para velos).

Nota: 7.5

ELLLATV

Contido: penso que a elección dunha serie como tema a partir do cal facer unha páxina web foi moi acertado, xa que lles deu moito xogo: inclusión de vídeos, fotos, zona fan… penso incluso que poderían haber incluído máis seccións.

Estrutura: é sinxela; as seccións están ben delimitadas.

Navegación: a única pega que lle poño é que non deixarán o menú da páx. de inicio en tódalas seccións, porque facilitaría moito a navegación (supoño que o farían para delimitar mellor os submenús).

Cores: son moi suaves (ben ao tratarse dunha serie), pero parécenme pouco vistosos.

Tipografía: gústame a que empregan para o “logo” da serie e a do nome das protagonistas, pero non me gusta que sexa diferente (ou iso creo) a do menú e a do indicador da sección na que te atopas (na parte superior).

Aspectos positivos: penso que se fose unha serie de verdade esta podería ser perfectamente a súa páxina. Conseguiron unha imaxe propia.

Aspectos negativos: as fotos tardan moito en cargarse (aínda que isto pode que sexa tamén problema da miña conexión); as cores non me gustan demasiado (como xa dixen).

Nota: 7.5

GELATINA

Contido: dende o meu punto de vista ten un contido moi interesante (por tratarse de roupa e complementos, evidentemente).

Estrutura: para tratarse dunha web de apoio a unha marca de roupa está bastante ben estruturada, sobre todo a sección do catálogo.

Navegación: resulta fácil grazas a presenza do menú nas diferentes seccións.

Cores: penso que tratándose do tipo de roupa co que traballan, deberían ter escollido unhas cores máis chamativas, aínda que pode que escolleran unhas cores suaves para non eclipsar os diferentes modelos. Isto último sería o correcto, pero igual outras cores houberan logrado unha imaxe máis marcada da páxina.

Tipografía: é unha tipografía sinxela, xa que a letra (os textos), nesta páxina non son os importantes: o importante son as fotografías.

Aspectos positivos: para ser unha web dunha marca de roupa está moi ben resolta, xa que indica sempre o prezo dos diferentes artigos, hai bastantes fotos, indicase a dirección das diferentes tendas… Gústanme moito os debuxos.

Aspectos negativos: por tratarse de roupa feminina, os seus visitantes serán a meirande parte mulleres, polo que se reduce moito o público ao que vai dirixida, evidentemente. Non me acaba de convencer a disposición das fotografías.

Nota: 8

NICOTINA NO CONDÓN

Contido: trátase dunha páxina que busca informar sobre a compañía de teatro do mesmo nome.

Estrutura: acorde ao contido da páxina.

Navegación: o menú facilita a navegación, así como a máscara coa indicación “volver”.

Cores: penso que a utilización case exclusiva do negro é o branco fai a páxina un pouco aburrida.

Tipografía: a tipografía é bonita, acorde coa temática, pero nalgunhas páxinas vese algo achatada.

Aspectos positivos: o logo é perfecto para un grupo de teatro; é unha páxina sinxela que cumpre ben a función de informar a aqueles que estean interesados no teatro.

Aspectos negativos: boto en falta algún elemento dinámico na páxina, algo que chame a atención e que axude a crear unha imaxe da mesma na mente do usuario. Estaría ben que houberan incluído algunhas seccións que abordasen máis temas relacionados co teatro e non só esta compañía.

Nota: 6

O SACHO

Contido: hai que dicir que é unha páxina moi completa e, porén, moi traballada, tendo en conta o tema que tratan (o refraneiro galego)

Estrutura: ten unha estrutura clara e ben traballada .

Navegación: a navegación é sinxela grazas ás diferentes clasificacións e o menú.

Cores: acordes á temática.

Tipografía: paréceme moi acertada a do logo (e o logo en si). A do resto, paréceme moi seria.

Aspectos positivos: é moi completa; ofrecen diferentes clasificacións dos refráns (por tema ou por orde alfabética), enlaces a outras páxinas, xogos…esta moi lograda.

Aspectos negativos: o deseño global da páxina paréceme un pouco serio (por pórlle algunha pega)

Nota: 8

NUESTROS 90

Contido: o contido desta páxina é moi ameno para os visitantes. A todos (ou case todos) nos gusta recordar tempos pasados.

Estrutura: tendo en conta que buscan recordar diferentes aspectos dos 90 (ou que a moitos de nós nos marcaron nesa época) está ben estruturada, xa que aborda a música, o cine, revistas, acontecementos…

Navegación: estaría ben que houbera un menú que estivera presente en todas as seccións, xa que non está ben indicado que ao darlle ao debuxo do 90 volves á páxina principal.

Cores: contribúen a darlle un aspecto infantil á páxina, o que nos fai recordar que case todo o que nela se nos presenta ocorreu cando eramos nenos (ou adolescentes), na década dos 90, como nos indica o título.

Tipografía: ao igual que as cores da un aspecto infantil.

Aspectos positivos: gústame moito o tema, e a as cores e debuxos contribúen a darlle un aspecto infantil á páxina, que como dixen antes, vai moi en relación cos 90 que nós vivimos. Está moi ben a inclusión de música.

Aspectos negativos: as imaxes tardan moito en cargar; a ausencia do menú nas diferentes seccións.

Nota: 8.5

AUTOCRÍTICA: Tunic_a_revista

Contido: a nosa idea era a de facer unha versión online dunha revista “feminina”, polo que penso que deberiamos haber incluído algunha que outra referencia á revista en si (unha imaxe da portada, por exemplo). O resto, as diferentes seccións, creo que se corresponden bastante co que sería unha publicación deste tipo. A nosa intención foi en todo momento parodialas, como espero que se poda percibir nos diferentes textos.

Estrutura: inventámonos cinco profesionais que se encargan de cada unha das cinco seccións. Dentro de cada unha de elas hai outras dúas seccións. É moi sinxelo.

Navegación: vai vencellada a estrutura da páxina. En todo momento aparecen as seccións na parte superior no menú (que custou bastante traballo…) que fan moi sinxela a navegación.

Cores: van en relación co logotipo da páxina (rosa e verde). Estas dúas cores danlle moita alegría. Empregamos tamén o branco (é en realidade un rosa moi clariño) e o negro para a letra dos textos.

Tipografía: os botóns e o logo gardan unha mesma tipografía; penso que conseguen darlle unha imaxe diferenciada á páxina (xunto coas cores rosa e verde) facilmente recoñecible polos navegantes. O resto dos textos empregan unha tipografía moi sinxela (para facilitar a lectura).

Aspectos positivos: conseguimos unha imaxe propia, estruturamos ben os contidos e para imitar a este tipo de páxinas penso que acertamos incluíndo publicidade.

Aspectos negativos: algúns textos son algo longos; a resolución empregada resultou adecuada unicamente para os portátiles, xa que noutros ordenadores aparece unha barra de desprazamento que nos non puxemos e a páxina está desprazada cara a dereita (cando en realidade estaba centrada).

Nota: 8.5

No hay comentarios: